Programamos viaxes conxuntas

Benjamin Taubkin participa no CNMrede 08 ante Vítor Santana
Espazos, busca do público e aproveitamento das sinerxias centraron a conversa sobre programación musical sostida na segunda sesión de Cantos na Maré Rede, entre outros, por Antonio Vizcaya, Benjamin Taubkin, Vítor Santana de Miranda, Antón Martínez, Carlos Seixas, José Rui e Vítor Belho.
Antón Martínez aproveitou o seu coñecemento da realidade musical europea para afirmar que “só é posíbel programar en rede“, porque “cando non hai financiamento público hai que compartir gastos”. Non se trata, aseguraron os participantes, de “mercantilizar a paixón”, senón de tirarlle o máximo partido posíbel aos esforzos artísticos e económicos do sector musical. Fran Pérez defendeu a idea dunha rede na que “un creador poida compartir as súas ideas, os seus proxectos, cunha comunidade coa que comparta esa paixón“. Neste sentido, José Rui falou da necesidade de “dar saída a proxectos interesantes que poden ter dificultade para entrar no mercado… proxectos únicos, difíciles, que forman parte da esencia creadora do programador”. Benjamin Taubkin ofrece a experiencia concreta xurdida a partir do Núcleo contemporáneo, onde comezou unha rede con músicos da América Latina que pretende crear espazo de troco que defenda proxectos creativos, intelixentes e economicamente viábeis.
José Rui defende a importancia de afondar na filosofía da rede que xurda de Cantos na Maré e propón que cada un valorice o que ten nas súas propias condicións e o poña ao servizo dos demais, que haberán de facer o propio. Así, cun esforzo mínimo, os integrantes da rede recibirán os grandes beneficios dunha divulgación, dunha promoción internacional que sería imposíbel acadar individualmente. “Cada un de nós ten unhas necesidades específicas e unhas oportunidades específicas que pode ofrecer para as necesidades dos outros, destas conexións xurde o rede”. Finalmente, José Rui lamenta “o vacío que queda despois destes diálogos tan interesantes”, porque “ficamos até o próximo Cantos na Maré sen saber uns dos outros” e insiste en que “deberían sair daquí cousas máis concretas”. Propón, por exemplo, “unha páxina de internet onde todos poidamos saber onde estamos cada un a cada momento”.
















Leave a Comment