O Proceso

INMERSIÓN É…
Buscar. Mirar. Escoitar… Problemas. Oportunidades
Mergullarse. Intervir. Recoller… Información. Datos.
Elaborar, antes de suxerir propostas

En Galicia, nos últimos meses, tres mercados culturais con perfís ben diferenciados compartiron espazo, axentes e obxectivos: o Mercado Atlántico de Creación Contemporánea, a Feira das Artes Escénicas e o Culturgal. Tres modelos que achegan visións diferentes e complementarias, tres experiencias que apuntan ideas e perspectivas que compre analizar como punto de partida para un futuro compartido. Na primeira sesión de traballo, os participantes no encontro mergullaranse nestas e outras propostas de mercado cultural.

1. Mirando os mercados musicais:
-Contexto económico e xeográfico
-Axentes, evolución da cadea de valor nos últimos anos
-Eivas na análise das necesidades dos profesionais
-Obxectivos de cada elo da cadea, métodos de rendibilización da presenza en mercados
-Importancia do potencial relacional

2. Analizando cal é o papel que lle atribuímos aos espazos de encontro:
-Ampliación do mercado
-Mellora da forma de traballo
-Incorporación de novos modelos de negocio
-Establecemento de acordos

FUTURIZAR É…
Visualizar escenarios futuros. Escenarios de oportunidades
E propoñer ideas que nos acheguen a esa imaxe. Que resolvan os problemas detectados. Que aproveiten as oportunidades descubertas.

A experiencia de Cantos na Maré pon de manifesto a necesidade que ten o sector cultural global de habilitar instrumentos que faciliten a cooperación de axentes creadores, produtores e distribuidores de produtos e servizos. No caso de CNM, esta cooperación tense circunscrito a territorios que comparten un marco lingüístico, o da lusofonía. Porén, a lingua non é un fin en si mesmo, senón un punto de partida, unha plataforma común que facilita o encontro e o entendemento, unha ferramenta máis para a construción de dinámicas e actividades produtivas de futuro. Así, entendemos que, sen renunciar ao contexto lusófono, Galicia pode xogar un papel fundamental na construción dun espazo de encontro de dimensión atlántica, atendendo ás fondas raíces históricas e culturais que nos unen a outros territorios atlánticos, nomeadamente, a Latinoamérica.

Cremos que o futuro dos mercados culturais galegos pode estar, entón, na construción dun espazo de encontro no que os distintos axentes do sector poidan compartir proxectos, difundir ideas e imaxinar xuntos novos procesos de traballo, xerando alternativas ao modelo actual.

Estamos seguros de que da conexión entre as distintas experiencias dos participantes no encontro CNM Rede 2010 xurdirán as necesidades, os problemas, os obxectivos e as oportunidades que nos axudarán a definir este ou calquera outro modelo de mercado de futuro para o sector. A iso dedicaremos a segunda sesión de traballo.

PROTOTIPAR É…
Documentar a experiencia. Construir un modelo que reproduza o futuro albiscado.

Finalmente, o derradeiro encontro debe servir para construir ese modelo de mercado cultural que o sector está demandando. Un modelo que responda ás súas necesidades actuais, que cumpla con eficiencia os obxectivos trazados e que axude, ademais, a trazar camiños futuros. Algunhas das claves que haberá que observar nesta etapa do proceso son:
-Innovación e orixinalidade
-Definición estratéxica
-Capacidade dinamizadora
-Vocación atlántica
-Conexión transversal: especialización ou multidisciplinariedade?
-Creación dunha rede de distribución de ideas

Leave a Comment