Descubrimos que o público é a fronteira

redes 2
María Yáñez no CNMrede 08

Existe acordo entre os axentes que participan no Cantos na Maré Rede 2008 sobre a importancia que ten a creación de públicos para o futuro da música. Tamén da Lusofonía. Neste sentido, Paco Quintas fala das dificultades que teñen as salas de música ao vivo de Galiza para encher os concertos que programan e os xornalistas María Yáñez, Marcos Pena, Belén Regueira, Alfonso Pato e Camilo Franco ofrecen a súa visión sobre as posiblidades de re-encontro co público a través dos medios de comunicación e, sobre todo, da Internet.

María Yáñez fala das posibilidades de rendibilización do esforzo que fan a industria e os creadores por establecer redes que ofrece a Internet. “Non son grandes empresas as que fan internet agora mesmo”, afirma, “agora os intercambios son horizontais, directamente co público, e isto é algo que está moi pouco aproveitado no mundo da Lusofonía”. Yáñez defende que esta “é a maneira e o momento de facelo” e aconsella “identificar aos públicos interesados na música lusófona e comunicarnos con eles”. A rede tende a que a relación sexa directa entre o comunicador e o receptor, evitando o filtro dos medios de comunicación e permitíndonos “traballar para formar parte da rede do noso público e que eles formen parte da nosa”. Unha das creadoras de A Navalla Suíza, María Yáñez propón tres ingredientes clave para a rede musical da Lusofonía:
- Contidos dispoñíbeis en maior ou menor grao
- Contextualización: darlles valor, posicionalos e facer o público partícipe
- Aproveitar as posibilidades multimedia, exprimindo ao máximo o produto e compartíndoo coa xente de maneira horizontal: myspace, facebook, youtube, etc.
En resumo, aproveitar a profesionalidade para marcar a diferencia, saber a quen nos diriximos e facer un envoltorio bonito axeitado a internet para vendelo. Non hai un portal da Lusofonía. Yáñez propón crealo como unha rede moi grande con moitos nodos que deberan traballar cada unha na súa medida.

Neste sentido, Marcos Pena, coordinador da área de cultura de Vieiros, recorda a importancia dos contidos, tamén na rede, e defende o papel das linguas lusófonas como etiqueta. “A rede serve para unir esas comunidades dentro dun mesmo país ou en países distintos”, recorda, “superando as limitacións dos medios tradicionais que en muitos casos son as propias fronteiras”. Así, propón “unir esforzos entre as iniciativas institucionais e privadas e crear un espazo no que podamos acceder a todo nós e a xente que non ten moita cultura cibernética, nin moita cultura musical, nin moita curiosidade, nin moito tempo”. Marcos Pena recordou, tamén, que darlle maior visibilidade ás informacións chegadas dende Portugal é un dos obxectivos de Vieiros dende o seu nacemento, en 1996, e adiantou que o portal está a traballar nun novo proxecto que aglutinará os contidos musicais das distintas webs galegas nun produto dirixido a un público masivo.

Pola súa banda, a presentadora da Radio Galega Belén Regueira presentou o proxecto cultural de colaboración entre a RG e Vieiros, A Polo Ghit, que naceu hai tres anos da “defensa das fórmulas perversas da promoción cultural no noso beneficio”. Neste Sentido, Regueira recordou “a dificultade real de levar este tipo de iniciativas a un medio xeralista” e defendeu “a aplicación de fórmulas perversas que nos foros de alta cultura non se tratan como medio para chegar ao público”.

Alfonso Pato, pola súa banda, defendeu a versatilidade do videoclipo como célula de intercambio coa música da Lusofonía na Televisión de Galicia, dada a “dificultade económica que existe para que os brasileiros veñan tocar aquí”.

Finalmente, o xornalista de La Voz de Galicia Camilo Franco falou da dificultade real de explicar a Lusofonía na prensa escrita galega. “As industrias culturais están viradas cara ao norte, cara ao anglosaxón”, asegurou, e “facer información sobre produtos culturais portugueses é complicado”. Neste senso, defendeu a necesidade dun “certo espazo autoreferencial para a cultura lusófona” e concluiu que o importante é averiguar que é o que queremos contar sobre nós mesmos, para despois poder vendelo dende o punto de vista práctico.

Leave a Comment