A Rede

Cantos na Maré Rede é un foro interactivo que naceu en 2007 como un primeiro paso cara á materialización dun tecido de cooperación que unise os axentes, os artistas e o público da música da Lusofonía. Daquel primeiro encontro xurdiron proxectos como Aló Irmao ou o MACC (Mercado Atlántico da Creación Contemporánea), o que propiciou a celebración dunha segunda edición. No 2008, máis de 40 profesionais de distintas procedencias compartiron unha atmosfera de complicidade e camaradería que favoreceu o establecemento de relacións profesionais baseadas na cooperación, na co-creación e no intercambio.

Neste 2010 caracterizado pola omnipresencia da crise económica, CNM Rede rexorde coa vontade de resituar o concepto de mercado no centro do debate sectorial e social. O mercado non é só nin en esencia un instrumento de especulación global, alleo e ingobernable. Centro do comercio, da cultura e da política, o mercado foi o lugar no que historicamente se tramaron os cambios na épocas de crise. Por iso, nun momento de fonda desorientación social e financeira, cómpre repensar os mercados culturais, até o de agora baseados na oferta de produto, e analizar cales son as verdadeiras necesidades do sector e cal é a mellor maneira de darlles resposta. É esencial definir e prototipar un novo modelo de encontro, que detecte necesidades e debilidades ao tempo que identifica oportunidades e formula alternativas.

As experiencias baseadas en facilitar espacios de encontro, como o propio CNM Rede, indican un posible camiño a seguir. Un camiño de cooperación que prima os enfoques e ecosistemas con capacidade para impulsar novos modelos sociais e produtivos, tamén nun sector como o da cultura e, nomeadamente, na música. O obxectivo de CNM Rede 2010, no que se darán cita dúas ducias de profesionais e prescriptores do sector musical, é analizar estas e outras experiencias, buscando a coherencia coas liñas de recuperación económica, a innovación e, sobre todo, a potencialidade de cada un destes modelos para se converter en instrumentos eficaces para a creación, produción, distribución e exhibición de produtos artísticos e culturais.

One Comment

  1. 1.) More…

    2.) [...]if you want to read a bit more then I recommend the following[...]…

Leave a Comment