
O sábado 4 de abril ás 00.00 h a CRTVG ofrecerá a retransmisión íntegra do espectáculo Cantos na Maré, Festival Internacional da Lusofonía, celebrado o pasado mes de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra coa presenza de artistas como Sergio Godinho (Portugal), Sara Tavares (Cabo Verde), Paulinho Moska (Brasil), Waldemar Bastos (Angola) ou Xabier Díaz (Galiza), que conviviron durante varios días para crear un espectáculo irrepetible. Un ano máis, o compositor das Illas Açores Paulo Borges foi o encargado da dirección musical e a cantante galega Uxía, da dirección artística.
Nesta 6ª edición, CNM homenaxeou as grandes composicións musicais nestes territorios, ás creadoras e creadores que fan cancións referenciais para os seus países e que traspasan fronteiras.
Unha banda de luxo composta por Jon Luz de Cabo Verde, voz e cavaquinho; Quiné de Portugal, batería e percusión; Joâo Ferreira de Portugal, percusión; Norton Daiello de Brasil, baixo; Ruben Santos de Portugal, trombón; Paulo Temeroso de Portugal, clarinete, saxo e frauta e Guillerme Fernández de Galiza, guitarra, foi a encargada da estrutura musical deste concerto inesquecible.
Posted
on Dezembro 13, 2008, 7:28 pm,
by Sonia,
under
Uncategorized.
José Rui, nun intento de tirar conclusións do CNMrede 08, di que “temos as redes, agora temos que decidir que peixe queremos apañar”. Un primeiro paso para conseguilo é “encontrar conceptos que unifiquen quen está a buscar o mesmo tipo de peixe”. Neste sentido, Çé Rui reflexiona sobre se “aspiramos a unha grande rede ou a unha pequena rede?” e recorda que é importante saber se “o tamaño da rede é unha opción ou porque non chegamos á rede grande”. Ler o resto do post »
Posted
on Dezembro 12, 2008, 9:39 pm,
by Sonia,
under
Uncategorized.

María Yáñez no CNMrede 08
Existe acordo entre os axentes que participan no Cantos na Maré Rede 2008 sobre a importancia que ten a creación de públicos para o futuro da música. Tamén da Lusofonía. Neste sentido, Paco Quintas fala das dificultades que teñen as salas de música ao vivo de Galiza para encher os concertos que programan e os xornalistas María Yáñez, Marcos Pena, Belén Regueira, Alfonso Pato e Camilo Franco ofrecen a súa visión sobre as posiblidades de re-encontro co público a través dos medios de comunicación e, sobre todo, da Internet. Ler o resto do post »
Posted
on Dezembro 12, 2008, 7:53 pm,
by Sonia,
under
Uncategorized.

Elías Torres asegurou no Cantos na Maré Rede 2008 que a Universidade de Santiago de Compostela está virada cara á cooperación coa Lusofonía xa nos seus propios estatutos. Neste sentido, o vicerreitor de Cultura recordou que a USC busca parcerías no mundo das artes escénicas, da música, da literatura e afirma que tamén están dispostos a albergar proxectos da lusofonía que se queiran desenvolver nos espazos da Universidade, tanto en Santiago como en Lugo. Ler o resto do post »
Posted
on Dezembro 12, 2008, 5:44 pm,
by Sonia,
under
Uncategorized.

Benjamin Taubkin participa no CNMrede 08 ante Vítor Santana
Espazos, busca do público e aproveitamento das sinerxias centraron a conversa sobre programación musical sostida na segunda sesión de Cantos na Maré Rede, entre outros, por Antonio Vizcaya, Benjamin Taubkin, Vítor Santana de Miranda, Antón Martínez, Carlos Seixas, José Rui e Vítor Belho. Ler o resto do post »
Posted
on Dezembro 12, 2008, 1:04 pm,
by Sonia,
under
Uncategorized.

Vítor Belho dá a benvida aos axentes asistentes, recordando que do encontro de 2007 xurdiron proxectos comúns, como Aló Irmao e o MACC (Mercado Atlántico da Creación Contemporánea). Cantos na Maré Rede 2008 nace desta experiencia e quere acentuar os éxitos e seguir dimensionando a rede a partir das sinerxias, dos desexos, das necesidades e das oportunidades de traballo conxunto. Para lograr estes obxectivos, plantéxase CNMrede como un encontro en tres níveis que se podan superpoñer en base á interacción entre os axentes: foro, presentación de proxectos e contactos cara a cara. Ler o resto do post »
Posted
on Dezembro 12, 2008, 8:56 am,
by Sonia,
under
Uncategorized.
Comeza o día de traballo de Cantos na Maré Rede cun almorzo no Pazo da Cultura de Pontevedra no que nos re-coñeceremos entre os asistentes e comezaremos a debullar os “eixos temáticos”:
1. Activar a cooperación entre os axentes do sector musical da Lusofonía
2. Traballando con programadores públicos e privados, axentes, medios, responsábeis das políticas públicas, artistas e creadores
3. Con ferramentas como:
• O Foro, un lugar de encontro, de xeración de ideas e de acordos
• A Folla de Ruta, un documento de síntese e de compromiso
• A rede, unha metáfora, pero tamén é a concreción dun proxecto, mediante a posta en marcha dunha ferramenta específica que incorpore os contidos xurdidos do CNMRede. Unha ferramenta que permita activar proxectos, facer circular información, estimular a co-creación e facer visíbel a dimensión creativa da lusofonía como territorio transfronteirizo e diverso. Unha ferramenta en construción, ao servizo das necesidades actuais do sector musical.
Posted
on Dezembro 11, 2008, 7:01 pm,
by Sonia,
under
Uncategorized.
O encontro dos axentes musicais da Lusofonía que terá lugar en Pontevedra dende hoxe até o sábado 13 de decembro comeza esta noite cunha cea de benvida no Clube Náutico de Pontevedra á que asistirán @s artistas que participan no espectáculo e representantes das institucións organizadoras e colaboradoras.